Friday 03 de May de 2024

Sindo Guinarte insta a negociar coas compañías aéreas a posta en marcha de novas rutas desde o Rosalía de Castro ante o recorte previsto de 400 mil prazas


Advirte de que a redución prevista “por parte da compañía aérea con máis presenza” en Lavacolla implicaría pasar de 25 a 20 conexións, afectando singularmente ás internacionais.

“O noso aeroporto leva, ou levaba, xa varios anos de crecemento constante de pasaxeiros e de conexións, e ante este recorte é necesario atopar con urxencia outras compañías que substitúan esa menor oferta” afirma.

A compañía aérea con maior presenza no aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro ten previsto reducir o número de prazas ofertadas na tempada de verán (abril-outubro) en 400 mil, pasando de ter 25 a 20 conexións, o que afectará singularmente ás internacionais. Así o advertiu este mércores o concelleiro socialista, Sindo Guinarte, logo de coñecerse polos medios este recorte de liñas “despois de varios anos de crecemento constante no número de pasaxeiros e de conexións”.

Guinarte instou ao goberno municipal, sobre todo a través de INCOLSA, a levar a cabo “accións específicas para que as compañías aéreas que poidan estar interesadas coñezan as vantaxes comparativas do noso aeroporto” e a “traballar con elas para a posta en marcha de novas rutas e conexións directas, sobre todo internacionais”. O que fora responsable de Turismo durante o goberno socialista insiste en que os turistas que chegan a través de viaxes aéreos, é o turismo “máis desestacionalizado á marxe da temporada alta” e ese, recalca, “é un ámbito que todos recoñecementos que temos capacidade de medrar”.

O aeroporto de Lavacolla leva, “ou levaba” varios anos de crecemento continuo superando os tres millóns de viaxeiros sendo, incluso, “o aeroporto, dos de primeiro nivel, que mellor se recuperou dos efectos da pandemia” lembra Guinarte, recalca que a cota de mercado no conxunto dos aeroportos galegos chega a preto do 65% de pasaxeiros.

Reunión do Comité de coordinación aeroportuaria de Galicia

Os socialistas reclama ademais a convocatoria do Comité de coordinación aeroportuaria de Galicia no que participan todas as administracións implicadas e que ten, entre as súas funcións, canalizar as actuacións relacionadas coa promoción do transporte aéreo. Ademais, propoñen instar a AENA a levar a cabo un plan de marketing específico para potencia o aeroporto de Compostela como referencia aeroportuaria de Galicia.

Insiste Guinarte en que o Rosalía de Castro é o aeroporto con mellores conexións, ao tempo que se trata dunha terminal “perfectamente dimensionada, cos mellores sistemas de seguridade e cun nivel de cancelación baixísimo”. Activos que, a ollos do edil socialista, poden resultar atractivos a novas compañías para se asentar na nosa cidade.

“Os datos que se auguran lamentablemente non son bos, non nos deixan satisfeitos”

Preguntado pola valoración da xestión aeroportuaria e turística do goberno local, Guinarte recalcou a preocupación polos datos de recorte de prazas ofertadas previsto pola compañía con maior presenza no aeroporto de Compostela. Unha redución que, lembra, se sumaría ao recorte de vos xa materializado nos meses de outono e inverno.

“Á marxe das declaracións da concelleira responsable en FITUR sobre uns posibles contactos con novas arealiñas non hai moito que valorar” asegura Guinarte, en relación ao anuncio do goberno local de reunións con compañías durante a celebración da feira de turismo en Madrid: “os datos que se auguran lamentablemente non son bos e nos deixan insatisfeitos”.

Así, asegura recibir con agrado eses contactos, pero matiza, “iso convértese en moito máis necesario e perentorio cando temos unha compañía que vai reducir, de abril a outubro, en 400 mil as prazas ofertadas”. Insiste na “urxencia” de atopar novas compañías que substitúan esa menor oferta de voos e insta ao executivo local a “ir máis alá” para manter “o crecemento constante dos últimos anos”.